Para a crise... orellas de burro

Published in

laboral

A apoloxía do actual estado de crise económica que o goberno “progresista” está a desenvolver contribúe a reafirmar unha idea ben clara de todo este proceso: a crise ten beneficiarios e culpables.

A apoloxía do actual estado de crise económica que o goberno “progresista” está a desenvolver contribúe a reafirmar unha idea ben clara de todo este proceso: a crise ten beneficiarios e culpables. A socialización da culpabilidade da situación económica compón o centro do discurso oficial, sen deixar ben claro quen foron os que motivaron ou propiciaron esta crise pero si outorgando a primeira responsabilidade aos traballadores do sector público e a poboación dependente dos servizos de cobertura social (pensionistas, nais, parados, etc). O propio feito de resolver a ficción do acordo social sobre a reforma laboral a partir da aprobación dun decreto corrobora as peores expectativas (recortes de dereitos máis que de salarios) e unha disposición a favorecer ao Capital e as grandes empresas.Sexa como fose, a idea de que a crise págamola os de abaixo faise evidente ao abeiro das solucións e medidas que se veñen asumindo dende o goberno nos dous últimos anos.

Sorprende que neste estado de cousas, o ensino fora o ámbito educativo que tivera e ten un papel tan subsidiario respecto a outras medidas que se pretenden máis urxentes pero que non se encadran como tan necesarias como pode ser a de darlle ao ambito do ensino o valor suficiente para encadrarse como estratexia eficaz contra as consecuencias da crise económica. A educación está tanto dentro das causas que propiciaron a gravidade da crise no estado español; coma na cabeza das prioridades que se terían que establecer para achar unha solución máis alá do determinado polos plazos do mercado e da especulación financieira.

A situación xeral do sistema educativo español e do sistema galego en particular, son desastrosas. Os últimos indicadores revelan datos espeluznantes: un 30% dos mozos e mozas do estado español non rematan os seus estudos anualmente, fronte ao 14,8% que lle corresponde a media europea. A contribución da eduación no PIB do estado español é unha das máis baixas dos países da OCDE (por debaixo do 5%) e porcentaxe de poboación que ten estudos posobligatorios no chega ao 65%. Trátase de cifras e números que quizáis conviría matizar ou relativizar, mais que non agochan a patética situación da eduación en España e o fracaso palpable de todas as leis educativas que dende o inicio da democracia se viñeron xestando cos intereses dun ou outro partido (LOGSE, LOCE ou LOE)

O goberno parlamentarista actual, ademáis de reforzar esta evidencia, contribúe a desmembrar o sistema educativo acomodándoo aos intereses das empresas privadas e relacionándoo con estruturas e funcionamentos que tenden á mercantilización dun servizo público tan importante para o desenvolvemento das persoas. O documento feito público o pasado 22 de abril polo ministro Gabilondo denominado “Pacto Social e político pola Educación” ven a confirmar a demagoxia, a utilización vergoñenta e interesada dos dous principais partidos políticos do estado do noso sistema educativo. Dos obxectivos e propostas que se debullan neste panfleto pódense extraer unha serie de referencias que aluden á flexibilización do ensino (reforzamento da meritocracia por riba do esforzo), o establecemento dun doble tramo no 4 curso da ESO (medidas segregacionistas e desigualitarias), a mellora da calidade de educación (uso perverso das avaliacións de diagnóstico), a mellora da Formación Profesional (mercantilización do ensino), o favorecemento na liberdade de elección no centro educativo (impulsar a destrucción do ensino público para equiparalo cos centros concertados), propoñer o recoñecemento profesional e social de docente (con esquemas de xerarquización autoritaria que non impiden a baixada de salarios) xenerar unha modernización do sistema de xestión (crear fórmulas empresariais de privatización dos servizos de adminitración dun servizo público) ou desenvolver unha “educación inclusiva” (resolver con demagoxia a diversidade das necesidades educativas dos centros de ensino). Estas medidas ofrecen unha versión moi precisa da idea que a clase política teñen da educación: un ámbito de mercado ou de control político onde a cidadanía non ten máis dereitos que os que lle poida outorgar o seu propio peto.

Ante esta situación, o sindicato de ensino da CNT-Galaica quere denunciar a noxenta utilización da educación como ferramenta política e corporativa dos partido políticos, do Capital e da Igrexa católica, principais axentes interesados en manter as relacións de poder e de reforzalas. O contexto da crise non debe impedirnos lembrar que o noso sistema educativo estivo sempre amenazado pola oligarquía católica e a patronal do ensino privado e concertado e que na actual situación económica, estas alimañas atopan unha oportunidade definitiva para o desmembramento do sistema público e gratuito de ensino.

Por outro lado, queremos achegar as nosas propostas coma análise e achegamento crítico a actual sistuación do sistema educativo español e galego e o seu papel na actual crise económica:

- Aumentar exponencialmente os gastos en educación para reforzar e mellorar a calidade do ensino público: tanto nos centros, como no persoal ou nos recursos dispoñibles para toda a comunidade educativa, a primeira demanda é a de dotar a educación das partidas económicas necesarias para afrontar os seus principais problemas: o fracaso escolar e a atención á diversidade das necesidade educativas. A eliminación dos gastos militares ou dos gastos de asesoramento ou deseño de
campañas públicas podería revertirse en accións que mellorasen o entorno do ensino coma a redución da ratio do alumnado por aula en Primaria, ESO e Bacharelato, o reparto do traballo para alixeirar as xornadas dos ensinantes de máis de 55 anos, a dotación de recursos e instalacións, etc.

- Desenvolver medidas de transformación da actual estrutura pedagóxica cara a unha aprendizaxe integral: para posibilitar unha sociedade crítica débese desenvolver unha pedagoxía asociada a criterios racionais e non baseados na titulación, na meritocracia ou no adoutrinamento. A eliminación da relixión católica como materia dos currículos na educacion non universitaria será a primeira medida a desenvolver neste sentido. Outras irán encamiñadas a desenvolver currículos axustados, non fragmentados e consecuentes coa realidade cultural do alumnado.

- Replantexar as estruturas do ámbito educativo superior, mantendo a nosa oposición ao Espacio Educativo de Educación Superior e plantexando unha revisión do alcance do Plano Bolonia no sistema universtario do estado español e de Galiza.

- Eliminar as axudas á Igrexa e ao ensino privado: en Galiza estas institucións perciben de subvencións de mais de 260 millóns de euros, mentres que os centros públicos perciben partidas cada vez máis curtas e de xeito máis tardío ou se eliminan servizos básicos (comedores escolares, gastos de mantemento dos centros, escolas unitarias, profesorado especialista nos IES, etc)

- Establecer accións que se encamiñen á estabilidade do emprego no ensino, sobre todo nos corpos de ensinantes que sofren a maior precariedade como os substitutos e os interinos. Compre revisar e eliminar de inmediato algúns puntos reflectidos en sucesivas Addendas ao acordo de 1995 sobre a función pública (2007 e a máis recente de 27 de abril de 2010).
A CNT reclama máis transparencia e a disolución dos acordos que amparan tanto a precariedade deste sector do profesorado como certos elementos de violencia institucional que non protexen os dereitos básicos dos ensinantes. O caso de Brais de Esteban, cesado do seu posto na listaxe de profesores interinos de Matemática por defender o uso da língua galega nas súas aulas, permanece aínda aberto a pesar da resolución xudicial favorable, en gran parte debido a normativa que se desprende de ditas addendas.

- Homologación salarial do profesorado por riba das diferencias territoriais.

- Dimisión inmediata do actual conselleiro de Educación a Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Abad. Dita dimisión debe ir acompañada da derogación do Decreto de Pluriligüismo para potenciar a liberdade de conciencia no corpo do profesorado e protexer a lingua galega de intereses políticos e electoralistas e limitar a influencia dunha minoría (patronal do ensino privado, ANPAS católicas...) sobre as decisión institucionais que afecten ao uso da nosa lingua nas aulas.

A CNT ten unha posición moi definida con respecto ás cuestións referidas. O ensino é un dereito universal é, polo tanto, todos os argumentos e accións na súa defensa deben tomarse coma lexítimos e necesarios, sobre todo no momento actual de crise económica, onde a ameaza do Capital, da patronal do ensino privado e da
propia Igrexa é evidente. A resposta dos traballadores e traballadoras do ensino na última folga do 8 de Xullo ten máis que ver coa posición de conveniencia dos sindicatos de xestión (UGT e CCOO) que cunha resposta rigurosa e directa á indiferencia e a demagoxia dos gobernos central e autonómico. Os nosos políticos pretenden poñernos unhas orellas de burro como exercicio de responsabilidade e así o ensino seguirá producindo man de obra nova e barata, consumidores compulsivos e voraces, estrelas televisivas efímeras e votantes mansiños e adestrados. A nosa defensa do ensino pretende ir máis alá do que se refira aos nosos dereitos económicos, senón á transformación da sociedade para derribar o actual sistema económico capitalista dirixido polas grandes corporacións financieiras. E nada mellor que un ensino laico, racional e científico; o tipo de ensino que defende a CNT coma a mellor arma contra a depredación neoliberal e especuladora.

CONTRA A DEGRADACIÓN DO ENSINO PÚBLICO!

CONTRA A DEMAGOXIA DA NOSA CLASE POLÍTICA!

CONTRA A PATRONAL DO ENSINO PRIVADO!

ORGANÍZATE E LOITA! AFÍLIATE A CNT!